10 de set. de 2008

O BNG felicita á Consellería de Educación por manter o autobús para o CEIP Mosteiro de Caaveiro e critica a improvisación coas rutas do Eladia Mariño

O Bloque Nacionalista Galego aplaude a decisión da Consellería de manter o autobús ao CEIP Mosteiro de Caaveiro, atendendo así á decisión da maioría de pais e nais de Soaserra e Regoela que matriculan os seus nenos no centro educativo da Capela. A nosa posición no Pleno da Corporación contra o cambio de zona educativa evitou que un atropelo contra a vontade maioritaria e contra a liberdade de elección se producise pola porta de atrás coa anuencia de tódolos demais grupos políticos. Non obstante, o BNG ten que lamentar que a Consellería non chegase a un acordo mellor coa minoría de pais e nais afectados posto que representa ao final un dobre gasto e unha incerteza para a comunidade educativa do Eladia Mariño a dous días do comezo das clases.
Os partidos políticos estamos para que os nosos veciños e veciñas teñan servizos, non para quitárllelos e, neste caso, o BNG sabía que, sen mudar a zona educativa, hai unha solución coa modificación das rutas do Eladia Mariño que respecta a decisión da grande maioría de pais e nais de Soaserra e Regoela que escolleron ir ao CEIP Mosteiro de Caaveiro. Debémoslle de aclarar á cidadanía que o BNG opúxose ao cambio de zona educativa pero non á modificación das rutas e, así, propuxemos que o Concello e a Consellería de Educación lles buscasen solución aos problemas de seguridade vial no Peón, Laraxe, onde se mantivo durante un ano un risco alto de accidente para o bus escolar de xeito totalmente inconsciente polas autoridades. Agardamos que esta mudanza de percorrido fose consultada coas ANPAS para evitar problemas de última hora, como os acontecidos o ano pasado, e teña en conta a demanda de maior seguridade vial apoiada pola maioría dos pais da zona. O BNG considera propio da improvisación que o PSOE lle comunique á comunidade educativa a través dunha nota de prensa unha mudanza das rutas sen explicar canto van tardar e mais onde van comezar e rematar os itinerarios. Ademais, lamentamos que a dous días do inicio do curso escolar a Consellería e o Concello non foron capaces de poñerse de acordo para retirar uns colectores do lixo que obrigan aos nenos e nenas a ir polo medio da estrada despois de baixar no bus no CEIP Eladia Mariño.
O BNG ten constancia, agora confirmada, de que a alcaldía e dous matrimonios da zona trataron de convencer e presionar para que os pais e nais de Soaserra e Regoela optasen polo CEIP Eladia Mariño e deixasen o Mosteiro de Caaveiro, o cal resultou un fracaso e unha lección para unha minoría que se cría poderosa. O BNG ten que lembrar que cando o CEIP Eladia Mariño abandonou esa zona educativa os pais e nais de Soaserra e Regoela tiveron que custear do seu propio peto o taxi que levaba os nenos ao Mosteiro de Caaveiro e logo de loitar moito conseguiron o servizo de autobús que garantía os seus dereitos. O BNG considera por igual os dous colexios posto que pertencen á mesma administración educativa e danlle servizo a nenos doutros concellos integrándoos na comunidade educativa con éxito e bo labor profesional e repectamos e defendemos a decisión e a libre elección de centro dos pais e nais.
Concluímos logo que a Consellería decidiu axeitadamente e non se deixou influír por unha minoría de políticos, entre os que se atopa o candidato número dous da candidatura socialista nas anteriores eleccións municipais. O BNG entende pero non comparte neste caso a preocupación e os nervios do PSOE e tamén a desidia do PP, e recomendámoslles que atendan os intereses xerais e non só os dos seus achegados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario